Accionando o ‘logos’ feminista: performatividade, oralidade e auralidade nas consignas dos protestos de rúa

286880531_5299593640121397_2008329375976465488_n

É famosa a legenda das sufragistas «Deeds not words» mas, o que acontece quando estes não são elementos antagónicos, mas interdependentes? Helena Salgueiro analisa a configuração de um logos transfeminista galego a partir dos protestos de rua numa disputa pola aparição e ação direta da linguagem.

Nos protestos de rúa abrolla unha paisaxe lingüística con entidade propia onde conflúen a lingua escrita e a oral: faixas, lendas, lemas, bandeiras, panfletos, cánticos, conversas, queixas, discusións, risos. A lingua oral é de vital importancia, nomeadamente, nas manifestacións e marchas feministas, onde as potencialidades performativas de mobilizar a voz se multiplican. 

Fronte á consideración xeral de que o elemento central dunha manifestación política é a disputa pola visibilidade, defendemos que, porén, o elemento en disputa é o accionamento da linguaxe. Tal e como postula Patricia de Souza en Ecofeminismo decolonial y crisis del patriarcado (2018): «As mulleres agora estamos en plena loita por tentar nomear e representar». Para non afogar en lagoas hermenéuticas, encontramos baforadas de aire na performatividade, a auralidade ou a corporeidade. Moldeando a construción do logos feminista de rúa, estes elementos enmárcanse no xiro afectivo contemporáneo ao afastárense da discursividade.

Este artigo analiza a influencia que a oralidade ten na construción e despregamento do logos feminista na Galiza, alén da teoría crítica, a literatura académica e a escrita, e como a linguaxe empregada nas manifestacións é moduladora da realidade política local. Partindo dunha moldura teórica que bebe dos estudos da voz e da performance, as teorías dos afectos e a ACD feminista, oferecemos, como breve obxecto de estudo, un corpus conformado polo repertorio da batukada transfeminista Tamborililás e por entrevistas a informantes de Compostela e Vigo. Estes repertorios abranxen, aproximadamente, os dous últimos decenios de manifestacións feministas galegas, cun total de 78 palabras de orde e 40 cánticos.

A phoné e o logos feminista

A fala é un vehículo de sentido e unha experiencia sónica. A relación entre a phoné –voz– e o logos –razón ou discurso–, é expresada no tratamento conceptual da voz como a confluencia entre xeración de discurso –abstracto– e pilar fundamental da oralidade –material–. Igual que a teoría saussuriana deu un estatuto privilexiado á langue (como sistema ligado á escrita) e subordinado á parole (como fala ou acto individual, ligado á oralidade), as mulleres foron ligadas á oralidade e proscritas da lingua escrita ao longo da Historia até hoxe. 

Hannah Arendt sostén que a palabra é o atributo do animal dotado de razón –logos– e que para esta existir precisa dunha base material –phoné–. Precisa do espazo para, por un lado, producirse, e polo outro, ser escoitada: neste bucle dual é que acontece a súa realización (performance en inglés). A voz das mulleres, transitando en mute ou ocultas en logofaxias ao longo da Historia, é forzada a estabelecer o seu logos oc/kupando o espazo público, para que as mulleres sexan escoitadas en calidade de cidadás («Mulleres somos, mulleres seremos/ Pero caladas, non nos [sic] quedaremos»). 

No uso da voz, a muller pronúnciase. Esta autoarticulación e posicionamento no mundo non vén dada, pois ten que alzarse acima de toda a cacofonía do sistema patriarcal: as consignas das manifestacións non son faladas, son berradas. Berrar en conxunto fai con que as manifestantes se impresionen e impriman as unhas ás outras reciprocamente, nunha dinámica acumulativa onde o Eu se ve afectado e, por tanto, afecta activamente de volta o grupo, o Nós. Así o explica Fuk Yin Kong en Soundscapes of Feminist Protests in London: Collective Identity Construction through Sonic Resonance (2021): «A fala non só trata de semiótica, como tamén de expresión emocional; entre tanto, a expresión emocional da falante é tamén un reflexo do contexto cultural». O berro, a vociferación (a voz feral), é un recurso máis de apropiación de discurso («Chega o batuke transfeminista/cheo de ganas de berrar/ somos potentes loitadoris/ nada nos pode xa parar»).

Performatividade e ACD 

Tal e como estabeleceu a pragmática lingüística austiniana,  todo acto de fala é performativo: a linguaxe non só describe, como tamén esculpe e altera a realidade. Nas manifestacións feministas que teñen lugar na Galiza, hai recursos e modalidades que vibran e metamorfosean o contexto. As propias palabras de orde coinciden na definición do performativo por Erika Fischer-Lichte en Ästhetik des Performativen (2008), pois son  «autorreferenciais, constitutivas de realidade e autopoiéticas». O espazo público tamén é performado mediante a palabra e non só está conformado pola arquitectura, mais na manifestatio das asistentes e a escoita interpersoal que se desdobra. Un espazo de aparición constituído á vez como un espazo aural

Por medio da oralidade son xeradas renarrativas a nivel cualitativo: contra as formas atenuantes que imperan no uso feminino da linguaxe cotiá, nas palabras de orde encontramos un tipo de linguaxe categórica e acentual («O machismo é o terrorismo», «Non son mortas, que son asasinadas», «Soa, borracha, quero chegar a casa»), alén de verbos de trazo volitivo e empoderante (rebentar, queimar, gañar, tocar, mudar, esmagar, rebolar, coidar, confrontar, loitar, decidir, vencer etc.). Facendo unha análise cuantitiva do corpus de lemas utilizados, vemos que a sororidade, concepto asaz mistificado, é conxugada de facto na linguaxe de protesto: a palabra nós é a que máis aparece, cun total de 143 voces. En segundo lugar, a voz non, 73 veces concretamente («Non é non», «Non estamos todas, faltan as presas»). 

A deriva dos últimos anos en favor dunha maior inclusión das mulleres trans por parte dos feminismos e o conflito co chamado feminismo abolicionista reflíctense ora en marcadores lingüísticos como o xénero neutro, ora na temática dos lemas utilizados («Respectade a nosa existencia ou agardade a nosa resistencia [referíndose ao colectivo trans]»). Hai que sinalar a importancia das tensións xeradas no espazo compartillado das manifestacións, cando se escolle berrar eses lemas diante do bloco verde, e que incitan debates e mesmo conflitos no tecido militante galego e nas redes sociais a posteriori, como no caso de Compostela este último 8 de marzo.

Corporeidade

A natureza poética e acentual dos slogans feministas fan con que leamos o espazo urbano dun modo somático. O corpo é ese lugar onde habitamos a realidade e o discurso sensíbel e lóxico, interno ou estrutural, de onde proferimos o logos, o pensamos e o articulamos. No logos feminista, o corpo tórnase o locus central. Está inscrito na sociedade e esta escribe significados nel: non hai corpos neutrais ou que non signifiquen nada. O facto de aparecer e estar («o feminismo galego en pé») é un manobra performativa en si. 

A presenza semiótica do corpo forma un campo semántico nos repertorios das consignas, de novo representativas da política feminista do seu tempo –nos anos setenta habíaas sobre divorcio e case ningunha sobre aborto, como se pode comprobar en 22 documentos do feminismo galego (2010)–. O exercicio performativo de estar en corpo presente, incardinar o corpo na palabra, ligado a reivindicacións («O meu corpo/ a miña decisión») ou resignificacións («Deixa pasar, son feminista e o mundo vou mudar») é tamén metarreferencial. 

Das teorías contemporáneas dos afectos e os estudos de afecto na protesta, o corpo é asinalado como lugar de experiencia presubxectiva e do sentir de intensidades. Usamos o corpo afectado para activar afectos en retorno, sendo o corpo así mediador do mundo e dos seus significados sensíbeis. A voz falada é corpórea e obxectual (lacaniana), como di Ege Akdemir en Sounding possible worlds: The cacophony of the Istanbul Feminist Night Marches (2022): «En canto o son reverbera dentro de nós, a nosa relación co son ten sempre un correlato corporal e unha relacionalidade baseada no ouvido». Seguindo a etimoloxía da palabra proposición, a consigna mesma é/toma corpo e avanza en posición («Aquí está, aquí se ve/ o feminismo galego en pé»; «Así, así, ningún paso atrás, esta batalla/ ímola gañar»).

Á calor da temática corporal, a queerización e crecente consciencialización de cara ao colectivo trans cristalizouse nas palabras de orde máis recentes («Se tocan a unhe, tócannos a todes»; «O corpo equivocado, é o da policía»), en canto cada vez son menos empregues as que aluden os corpos cis: («Nós parimos, nós decidimos», «Sacade os vosos rosarios dos nosos ovarios»). 

Auralidade

Que a linguaxe é un dispositivo sónico alén dun de sentido pode verse no uso onomatopeico da consigna «Machirulo: pim pam pum!», nas palmas que acompañan as acompañan, na música, na rima ou na liña melódica e prosódica daquelas.

As manifestacións feministas distínguense polo emprego da sonoridade e da canción. Deste modo, o logos feminista de novo ensambla unha nova peza: a reapropiación ideolóxica da alegría e a festa na axenda feminista. A través da lingua oral, do corpo e do son, tómase pola forza a expresión libre dun sentimento que o logos cisheteropatriarcal ten arrebatado ás mulleres e demonizado a través da política do medo e a lóxica capitalista: a alegría. Isto, lonxe de banalizar ou desprestixiar as súas reivindicacións, propicia a pulsión de loita distributiva na manifestación mediante o afecto e a emoción. Unha conquista do espazo público como código aberto e non como cenario agonístico. Neste senso, é unha revolución tamén epistemolóxica: unha festa da palabra silenciada.

Concluímos, por tanto, que as mulleres das manifestacións galegas reclaman un lugar central na praxis política, na res publica, a partir dunha enunciación autodefinitoria e autorreferencial, poética, performativa e aural, un cogito que existe e se define a través dun diálogo dunha Eu que afunde nun Nós. Unha enunciación de consignas (signare con) colectivas e anónimas, sen asinaturas e afastadas da figura patriarcal de autoría (autorictas), que nutren a maior parte do logos feminista galego efémero e encetan uns determinados esquemas ideolóxicos, alén da bibliografía da súa axenda.

No artigo foi demostrada unha moi breve descrición dalgúns elementos deste logos. Porén, hai un leque enorme de recursos orais e vocabularios en que pegar que conforma o capital simbólico do feminismo galego de rúa. É pertinente darlle cabida e analizar estes fenómenos que acompañan a evolución teórica dos feminismos para termos en conta debates e discursos máis prácticos e inmediatos que na norma escrita, quizá, nos escapen. A final, o que se escribe na academia leno unhas poucas, mais o que acontece na rúa sentímolo todas, queiramos ou non.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.