A Moura, personagem único na nossa literatura oral, foi submetida a uma grande variedade de estratégias de manipulação, mesmo em períodos de exaltação da cultura popular. Alba Rodríguez Saavedra identifica-as neste artigo para continuar reivindicando a relevância de uma figura extraordinária.
Nas periferias dos sistemas prodúcense movementos extraordinariamente persistentes, mais silandeiros, que, de súpeto, nunha conxunción ideal, agroman desestabilizando por completo as ríxidas normas do núcleo. Ese centro que procurando protexerse pechándose sobre si mesmo obviara os continuos, aínda que mainos, avisos que as marxes lle foran enviando. Na conformación do noso sistema literario, que na súa versión contemporánea data de hai menos de dous séculos, o canon constituíuse a partir da incorporación de valiosas obras escritas por uns homes. Uns intelectuais que, no que parecería de entrada un paradoxo, elevaron postumamente aos altares das letras a Rosalía de Castro, unha muller excepcional e inigualábel. Pero non se trataba de incoherencia de xénero ningunha, mais do feito de que, para a coroación da matriarca as nosas elites masculinas a unxiron dun virtuosismo e dunha pureza tan idealizados que implicaban anula as expectativas de calquera outra candidata, porque ningunha podería acadar semellantes cotas de perfección (e de irrealidade).
En paralelo a este metódico asentamento do núcleo do noso sistema, as periferias nutríronse dos elementos desatendidos desde o centro, desenvolvendo as literaturas orais e traballando as mulleres, herdeiras daquelas «iograresas» reivindicadas por Ruth Matilda Anderson en Gallegan Provinces of Spain (1939: 472). Porén, coa intensa febre pola reivindicación da identidade a partir do folclore que se sentía por toda Europa no inicio de século, e coa admirada Irlanda á cabeza (a dicir de Álvarez Lugrís en “Atlantismo e (pan)celtismo”, 2005), a intelectualidade masculina galega aventurouse a entrar nos mundos alén do canon. Así, recuperaron os mouros, os tesouros, os xigantes, os trasnos, a Compaña… para a oficialidade. Recuperaron, en fin, a memoria inconsciente da propia Galiza, como a denominou Vicente Risco na «Etnografía de Galicia» (1979).
Grazas á creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) en 1923 e do traballo impulsado por el, a ontoloxía da tradición popular pasou a ocupar un lugar de atención nuclear dentro do sistema que permitiu podermos contar con rexistros documentais sobre as lendas e relatos orais que vertebraban o noso patrimonio folclórico no primeiro terzo do século xx. Porén, a pesar de que para a compleción do polisistema a mirada foi desviada para as marxes, en mente de ningún ―ou de case ningún― dos nosos eruditos agromou a idea de pensar nas mulleres, e en tal grao detectamos esta desatención que podemos testemuñar a degradación que experimentou a figura máis senlleira da nosa mitoloxía, a moura, no proceso de sistematización da nosa literatura oral.
Neste contexto, dignificada a tradición oral polo seu paso ás letras impresas grazas ao esforzo incontestábel da sección de etnografía do SEG dirixida por Vicente Risco, cómpre analizar de que modo, dadas as súas peculiaridades extraordinarias, foi a moura asumida no canon, para así podermos detectar as estratexias que operaron co propósito de desbotar ou ocultar os trazos máis incómodos para o ideal de país en construción no período, especialmente para a ideoloxía do escritor ourensán. Esta pode ser sucintamente descrita reproducindo o seu desexo de repensar a Galiza como unha terra asentada nun «caraute moral» propio dos celtas, «moi relixiosos, valentes e bos guerreiros, xustos e xenerosos» (en “Galizia céltiga” 1921: 9). Por suposto, cando Risco falaba de «relixiosos» debemos comprender que tan só se refería aos católicos, a única confesión para el aceptábel.

Polo tanto, procedería comezar a inferir unha contradición entre os intereses ideolóxicos de Risco e a realidade conceptualizada na figura da moura, xa que non se trata dunha personaxe intranscendente dentro da nosa tradición, senón da máis senlleira de todas cantas conforman o noso patrimonio simbólico, como afirma taxativamente Antonio Reigosa no Dicionario dos seres míticos galegos. Así, atopámonos que en plena voráxine de redescuberta identitaria e coa tradición oral, co folclore, como un dos elementos vertebradores deste proceso, a personaxe de maior singularidade, a moura, contradí cada un dos trazos esenciais soñados por Risco para o seu pobo ideal. Aínda que na súa entrada nos rexistros escritos, no século xvii, é descrita como «mujer descabellada y bestida de rraxa parda y los cabellos sueltos […] la dicha mujer era negra y fea y que hablaba por las narizes» (a través de Martínez Salazar en «Sobre apertura de mámoas a principios del siglo XVII» 1910: 218-219) ―unha descrición de pura fealdade, no amplo alcance do concepto estudado por Umberto Eco na Storia della bruttezza―, a moura, en feminino singular, é unha muller poderosa, con forza sobrehumana, coa habilidade da zoomorfia ―transformábase, principalmente, en serpe―, xuíza dos comportamentos, habitante de illadas áreas connotadas simbolicamente na inmanencia e na fertilidade, e creadora de paisaxes, mentres nunha man carrexa un penedo e na outra, unha criatura. Por veces, moza de beleza radiante que peitea ao sol os seus cabelos louros; por veces, vella arteira; e, por veces, señora de terras ou bens, en ningunha das súas advocacións alcanzaría a encarnar, nin sequera minimamente, os desexos virís, bélicos e relixiosos do teórico do nacionalismo galego. Máis ben, toda esta profusión de trazos sobrehumanos lévanos a considerala como unha actualizada reminiscencia dunha deusa ancestral, produto de numerosos procesos de tradución intrasistémica, como apuntamos noutros estudos como «A moura: a deusa traducida» ou «La traducción y la paratraducción de la diosa preindoeuropea en las tradiciones gallega e irlandesa», e como tamén o sinalou Quintía Pereira, un dos investigadores fundamentais da figura, na súa Análise estrutural e simbólica do mito da moura.
Como, en consecuencia, poderían convivir as aspiracións virís de Risco con ese substrato cultural tradicional, simbólico e propio que ten na moura a súa máxima expresión? Pois, do meu punto de vista, sinxelamente non poderían, e de aí que, ao analizarmos a presenza, a categorización e o estudo da moura baixo o período de actuación do SEG e de Nós, observemos a aplicación de diferentes estratexias conducentes a deturpar, dun ou doutro xeito, o seu concepto. Xa que logo, na clasificación dos moi diversos habitantes da mitoloxía galega estabelecida polos estudos da nosa etnografía no primeiro terzo do século xx, a moura considerouse como dependente de dúas categorías alternativamente: a ollos do primeiro Risco, da dos mouros, como unha variante máis desta tipoloxía de relatos, malia non existir entre unha e outros analoxía ningunha alén do paralelismo no significante; e para Florentino López Cuevillas, como un elemento constituínte dos relatos de ofiolatría ―culto á serpe. Esta última proposta sería a que, finalmente, acabaría tamén por apadriñar Risco, quen, na súa «Etnografía de Galicia» incluída na ambiciosa Historia de Galicia, de Otero Pedrayo, describía este ser de aparencia bífida ―moura/muller e serpe― como a antítese absoluta do paradigma do ben, ao seren as súas actuacións definitorias chuchar o leite (materno), comer entrañas, envelenar… e sempre cunha especial predilección por lles infrinxir aos homes o maior dano posíbel (1979: 284). A relegación a unha subcategoría e a atribución de accións e elementos negativamente connotados provocou que, ao longo de sete décadas, a que hoxe é considerada a máis relevante figura do noso folclore fose, se ben non desaparecida dos nosos rexistros, si deturpada na súa memoria, por obra dunha manipulación que mesmo a día de hoxe persiste nas achegas a esta figura.
Resulta revelador, en consecuencia, observar como, durante o valiosísimo período de reivindicación da nosa cultura desde finais do século xix ata o primeiro terzo do xx, tanto na esfera das letras impresas (capital cultural) coma na da tradición oral (capital simbólico), as súas dúas figuras femininas insignes foron obxecto de grosas adulteracións que acabaron por perverter as esencias mesmas de cada unha delas, alterando de forma notoria calquera referencia, calquera espello, en que a metade da poboación se puidese mirar: Rosalía de Castro, pola vía da devota e irreal santificación abnegada, e a moura, pola súa de degradación a partir da maldade falazmente atribuída.