A Galiza antiespecista

A Galiza antiespecista - Mónica Pérez Arias

Seguindo a esteira de anteriores artigos publicados no Caseto sobre compromisso e militância, a ativista animalista Mónica Pérez Arias explica neste as circunstâncias que a levárom a militar em grupos organizados. Além disso, apresenta um panorama da história e a presença de organizações antiespecistas na Galiza.

Un sentimento latexa na Galiza, impulsado polas voces que ansían acabar co cruel trato que soportan as outras especies. A Galiza acolle xente que loita pola abolición do sufrimento inflixido aos animais non humanos. Trátase dun colectivo pequeno, mais cuxo impacto na sociedade contemporánea está en aumento. Os seus membros, a miúdo incomprendidos e vítimas de cualificativos como «terroristas do patrimonio», non son menos de aquí. Mais algúns cúlpanos por rexeitar as prácticas tradicionais que perpetúan o maltrato animal. Estes últimos aférranse a costumes rancios e crueis despoxados de calquera compaixón. Dise que é parte do noso selo, a nosa herdanza… Mais, realmente, o que é ser galego? Se optamos polo veganismo e o animalismo, deixamos de ser galegos? O noso folclore non debería de estar necesariamente vinculado á explotación animal, pois conta con múltiples manifestacións culturais non violentas que nos identifican como nación. As persoas antiespecistas nadas na Galiza así o vemos. Sostemos que, con certeza, o movemento animalista fai parte da realidade contemporánea galega.

Sendo consciente da miña condición biolóxica de animal humano tiven de sempre inquedanza polos abusos cara os animais non humanos, seres sentintes coma nós. A atrocidade de moitas das actividades cotiás que me rodeaban desesperábame: a matanza do porco, violento asasinato, ritual despoxado de toda empatía; a rapa das bestas, espectáculo insidioso e de explícita tortura; as touradas, teatros de agónica morte subvencionados polo noso goberno para goce duns poucos; a caza, hipocrisía en estado puro, que arrasa coa vida no monte e sementa a paisaxe de chumbo; a pesca, que non por ser menos ruidosa deixa de significar sufrimento e morte para as súas vítimas; e todo o que implica a industria da explotación animal para o consumo: milleiros de seres vivos agonizando cada día con lentas e dolorosas mortes nas lonxas ou nos matadoiros; crías separadas das súas nais e privadas do alimento materno que a avaricia humana lles quita; tamén malvivindo en granxas de engorde sen máis paisaxe do que o seu excremento, inmobilizados, golpeados, sen conmiseración ningunha por parte dos outros mamíferos que os explotan até chegar á prematura e brutal morte.

Como espectadora deste horror foi madurando en min a determinación de separarme disto e relacionarme coa terra desde o respecto á vida de todos cantos a habitan. O proceso foi paulatino. A pesar de ser testemuña en primeira persoa costábame admitir a realidade de tanto sufrimento. Comecei buscando información que contrastara a miña percepción da situación dos animais. Quería crer que non todo era tan malo. Mais, pola contra, o que atopei foi mesmo peor. Unha das verdades máis difíciles de encaixar foi a falta de límites morais á hora de relacionármonos cos animais non humanos: cousificámolos ao abeiro da nosa visión antropocentrista do mundo, chegando a negar a súa propia senciencia (isto é, a sua capacidade para sentir). Sentín que tiña que facer algo máis.

Coñecín o grupo activista Equanimal no ano 2007. Daquela a miña empatía co resto de especies xa camiñaba da man do compromiso. Procureinos eu; presentía que non debía de ser a única galega que tiña estas inquedanzas e precisaba pasar á acción, pois non aturaba tanta inxustiza.

Eran tempos de plena efervescencia na loita animalista, activistas de toda a península mobilizábanse no noso territorio respondendo á chamada de importantes grupos antiespecistas, para alén doutros máis modestos mais igualmente implicados na causa. A Galiza era un referente. Mais non só convocaba, senon que tamén acudía solidaria ás outras chamadas alén das nosas fronteiras. Fretábanse autobuses, dos propios petos, cara a Madrid, Tordesillas, Medinaceli, Bilbao… para alzar voces contra a tauromaquia, o touro alanceado, o embolado, a matanza de focas, a industria da carne ou tantas outras actividades de explotación animal. As activistas que viñan aquí acompañaban as protestas contra as touradas, os circos con animais, o tiro ao pombo, o uso de peles ou a experimentación; tamén na sabotaxe dos campionatos de caza do raposo que, pese aos nosos esforzos, poñían fin a varias decenas de vidas en cada batida. A axenda de todos nós estaba repleta de compromisos, pois as actividades de maltrato animal eran numerosas.

O movemento en defensa dos dereitos dos animais naceu na Galiza a mediados da década de 1980. Desde aquela non parou de crecer até se tornar nunha das comunidades autónomas máis activas da península. Chegou ao cumio da súa actividade na primeira década dos anos 2000 e ultrapasou fronteiras grazas a grupos como o anteriormente citado Equanimal. Esta organización fundouse en 2006 a partir de dúas asociacións máis pequenas: Alternativa para a Liberación Animal (ALA) e Dereitos para os Animais. Durante anos abandeirou o movemento animalista na nosa terra, e tamén fóra, caracterizándose por traballar tres eixes fundamentais:

1 – Investigacións en lugares como granxas e matadoiros, documentando e difundindo as pésimas condicións de vida dos animais e o cruel trato que recibían.

2 – Campañas de sensibilización sobre problemáticas como o uso de animais en circos e espectáculos, a produción de peles, a experimentación e tamén o veganismo como alternativa de respecto aos individuos doutras especies.

3 – Manifestacións ou accións de protesta fronte a granxas, matadoiros, prazas de touros, circos e outros lugares de maltrato animal. Estas accións tiñan como obxectivo visibilizar o problema  do abuso doutras especies e presionar as autoridades para que tomasen medidas, así como provocar un impacto na opinión pública.

Xerouse deste xeito un debate sobre o maltrato animal que permanece activo até os nosos días. Aínda que Equanimal xa non existe como organización independente (en 2012 fusionouse con Igualdad Animal), o seu legado segue vivo. Mais non foron os únicos; con eles tamén conviviron outros grupos como Matar por Matar Non, contrario á caza, ou Vox Ánima (2012), que igualmente transcendeu fronteiras coas súas actuacións. Este último liderou accións de protesta e campañas como unha das primeiras contra a matanza de lobos no Barbanza, traballando tamén en denuncias, investigacións e rescates. Contra a tauromaquia xurdiron organizacións como Galicia Mellor Sen Touradas e Touradas Fóra de Pontevedra, que co seu activismo conseguiron a retirada de subvencións ás corridas por parte da Deputación de Pontevedra. Na segunda década dos 2000, LIBERA! Galicia foi tamén un referente desde a súa sede na Coruña, levando a cuestión animal á política galega, na procura dunha reforma lexislativa que garantira a protección doutros animais. A través de iniciativas como a recollida masiva de sinaturas trataron na Cámara do Parlamento Galego temas como a explotación, maltrato e morte de animais en eventos que até o momento ficaran considerados como «excepcións legais» na mal chamada Lei de Protección Animal. Coas súas accións impulsaron algunhas emendas na redacción da nova Lei en 2017.

A proba de que toda esa actividade «molestaba» ou que mesmo estaba a ter efecto na nosa sociedade é a persecución á que se viron sometidas estas organizacións por parte dos grupos de presión de explotación animal e da propia Consellaría (campañas de desprestixio nos medios, ameazas, multas inxustificadas e falsas acusacións que os levaron a procesos xudiciais nos que, a pesar de posteriormente saíren absoltos, foron sinalados e mesmo privados de liberdade de xeito «preventivo»). Todos estes ataques provocaron un desgaste anímico e de recursos que terminou coa disolución ou o cese da actividade nalgunhas agrupacións; mais non a fin de todas nin a dos seus activistas, que conseguiron recompoñerse e continuar traballando até a actualidade en prol dos animais, en solitario ou ao abeiro de novas organizacións como a Fundación Ética Animal, constituída en 2016. Aínda que de ámbito internacional (con equipos en EUA, o Brasil, o Estado español e a India), e dado que un dos seus fundadores é de Vigo, ten levado a cabo moitas actividades en Galiza, sobre todo no contexto da Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor céntrase na creación de contidos académicos e de divulgación tanto para activistas como para docentes e xente nova. Até o día de hoxe, Ética Animal estendeu tamén a súa influencia a diferentes países de América Latina e Asia, cobrando cada vez máis relevancia no activismo animalista mundial. Máis recente aínda é o grupo Animals’ View, dedicado case enteiramente a traballos de pequisa e difusión nas redes, que conta xa con abundante material gráfico e audiovisual como testemuña do maltrato animal aínda moi presente na Galiza.

De igual xeito, os colectivos Irmandade Antiespecista, Activistas Galegas Antiespecistas-AGA e Loita Raposa traballan na actualidade pola liberación animal, ao igual que a Fundación Franz Weber que, sendo suíza, conta cunha delegación na Coruña e traballa no seguimento e apercibimento do mal proceder da Xunta de Galicia e as Administracións en materia de protección animal.

Noutra vertente do activismo galego, a partir de 2012 naceron numerosos refuxios multiespecie que desenvolven un labor encomiábel, comprometido co rescate e coidado de animais vítimas de explotación e maltrato (principalmente os denominados «animais de granxa»). Atopámolos dispersos por toda a xeografía galega: Mino Valley Sanctuary, Santuario Vacaloura, La Isla de Tali, Frente L.A., Santuario Animal e Acougo Refugio de Animales. A  difusión das súas historias a través das redes e os programas de voluntariado son determinantes para un horizonte de normalización do antiespecismo na nosa sociedade. 

Así é que os múltiples esforzos por silenciar as voces das persoas que, por xustiza, reclamamos que se deteña a barbarie son en balde. Caemos, si, mais de seguido nos erguemos, pois o noso obxectivo levámolo moi interiorizado e chámase «Abolición da explotación animal»!

O especismo (discriminación en función da especie) fai parte da nosa historia e da nosa sociedade actual e non podemos negar o seu arraigo na realidade galega. Con todo, o seu antónimo cobra cada vez máis importancia. Cómpren cambios nos patróns de conduta, debemos deixar de danar os nosos compañeiros de viaxe neste planeta e no ecosistema galego. Tan só temos que empatizar.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.