A crise da sociedade de clases medias na Galiza: unha primeira aproximación

Foto branco e negro

Que possibilidades abre a crise do modelo social das classes médias? Sobre que bases se pode reconstruir um sujeito emancipatório? Neste artigo, Marco Antonio Álvarez considera se a crise social e do modelo de acumulação abrem na Galiza a possibilidade de reconstrução da classe trabalhadora

Non lle falta razón a David Graeber cando di en En deuda, una historia alternativa de la economía (2012), que despois da Segunda Guerra Mundial «ás clases traballadoras e brancas dos países do Atlántico Norte […] ofrecéronlles un trato. Se acordaban deixar de lado as fantasías de mudar radicalmente a natureza do sistema, seríalles permitido […] gozar dunha ampla gama de vantaxes sociais (pensións, vacacións, saúde…) e […] grazas a institucións educativas públicas ben dotadas economicamente, e en expansión, saber que os seus fillos tiñan unha posibilidade razoábel de abandonar por completo a clase obreira» (p. 493, tradución e itálicos meus). Porén, non sería até producirse a destrución da clase obreira e campesiña organizada que esta saída da clase se convertería na única opción posíbel. Saída que fundamentalmente consistía na negación do conflito de clases e integración na sociedade, e que entendía o progreso como mobilidade social senón propia, polo menos si das fillas. Traballar moi duro, aforrar, estudar o máximo posíbel e portarse ben para ter un piso, dous coches e diñeiro suficiente para evitar incertezas.

A historia deste proceso no Estado Español, perfectamente descrita por Emmanuel Rodríguez en El efecto clase media. Crítica y crisis de la paz social (2022), incluiría para alén do mencionado a importancia do emprego público e, moi especialmente, a propiedade inmobiliaria. Sería esta última a que asumiu desde os anos 80 e 90 o aumento do patrimonio, da posición social e do consumo das familias a través do incremento continuado do prezo dos inmobles – polo menos ata 2008. Entendendo que todos estes mecanismos constitúen unha realidade material forte, inercias sociolóxicas que xeran ou limitan as posibilidades da acción colectiva, cabería preguntarse se este arranxo social está nunha crise que permita a reconstitución dun suxeito colectivo emancipatorio. Esta é unha primeira aproximación tentativa de cara a delimitar os contornos dun problema de primeira magnitude para a acción política transformadora, á cal se espera que sigan outras.

Atendendo aos datos, nada parecería indicar que a crise mudara moito o país. O paro volve situarse nos seus niveis estruturais previos á crise desde 2019; a estrutura económica continua a distribuír a metade do emprego entre comercio, reparacións mecánicas, loxística e hostalería, e emprego público (INE. Encuesta de población activa, 2002-2024); a propiedade inmobiliaria segue a manter a súa primacía indiscutíbel e a porcentaxe de persoas menores de 34 anos vivindo cos proxenitores está nos mínimos históricos deste século (IGE. Enquisa estructural a fogarse, 2002-2022). Onde fican entón o 15-M e o Nunca máis, os resultados electorais de En Marea e organizacións afíns, a falta de perspectivas para a mocidade, etc.? Apuntaban para un elemento conxuntural? A reacción foi capaz de restaurar a orde social? Unha resposta a esas preguntas pode encontrarse nos perfís de votantes nas eleccións autonómicas. Desde o ano 2009 o BNG – e no seu momento En Marea – aglutina un electorado que se define por ser esencialmente urbano, con estudos superiores e nacido a partir dos 90 e en menor medida desde os 80 (Universidad de Comillas. Informe España 2018 e análise propia a partir de micro-datos de CIS. Postelectoral de Galicia. Elecciones autonómicas 2024).

Se nos centramos apenas na idade, e tendo en conta que as xeracións máis vellas teñen un voto máis conservador, aparece a retórica do conflito xeracional. As persoas nacidas antes dos 70, e incluso dos 80, tiñan acceso a empregos máis seguros, préstamos hipotecarios máis baratos ou vivendas pagadas ao contado, etc. Se nos centramos nos sectores máis novos, porén, o que vemos é que se trata non só de mozos, senón de mozos urbanos con estudos superiores. Aquí aparece outro relato coñecido, o da «xeración máis preparada da historia»: persoas cun alto nivel de cualificación e sen posibilidade de facer corresponder a súa actividade laboral cos seus estudos. Isto coincide co porcentaxe de poboación con ese nivel de formación máis alta da nosa historia, chegando a ser case a metade do mercado laboral (IGE. Enquisa de poboación activa 2007-2024); esta encontra unha estrutura económica inmutábel e baseada en sectores que requiren niveis medios de formación, ou recala no emprego público, garante dunha situación de estabilidade. Unha panorámica que leva nunha situación semellante canto menos tres décadas e á que se suma a fin da burbulla inmobiliaria, que non foi capaz de recuperarse. Isto significa que as vivendas non poden servir, a través da súa revalorización continuada, como aval para outros préstamos e, por tanto, para manter o nivel de consumo e financiar inversións. Caída esta muleta financeira que ocultaba outras problemáticas, do que se trata é da incapacidade dun modelo social para facer cumprir as expectativas que el mesmo crea e sobre as que se basea a mencionada paz social. O que entrou en crise son as posibilidades aspiracionais dunha parte importante da poboación que xa non ten unha realidade material e cultural, por fraca que puidese ser, na que as sustentar.

Ao mesmo tempo, tampouco é certo que o empeoramento das condicións de vida se distribúa de forma igualitaria. O aumento do uso de vivenda en alugueiro concéntrase fundamentalmente na poboación urbana máis pobre, na que está incluída case a totalidade dos migrantes do noso país e que acusa o menor nivel de formación e os empregos de servizos máis precarizados. Entre o terzo máis pobre non existe conflito xeracional de ningún tipo, nin tampouco esperanzas de mobilidade social incumpridas. Pero estes efectos teñen o seu segundo maior punto de incidencia entre o terzo medio da sociedade, que aglutina unha parte importante daquelas persoas menores de 44 anos con estudos superiores. Neste momento, cando a súa situación non é vivida como unha traxectoria individual, tampouco se vive como un conflito de clase, senón como unha vontade de restitución do estado «xusto» das cousas, da restauración do ideal meritocrático: esforzarse moito, ser moi intelixente e ter acceso «ao que mereces». Máis aínda, os sectores máis ricos están cada vezmáis atrincheirados nos seus privilexios. Aqueles concentran a maior porcentaxe de graduados superiores, por suposto nos títulos de maior prestixio (certos graos, estudos de posgrao, etc.); a grande totalidade do recurso a seguros médicos privados para evitar a degradación da saúde pública, aínda que na Galiza o seu uso estea «pouco» xeralizado; o acceso atraballos de coidados de pago para crianzas e persoas idosas, procedente do sector migrante en grande medida; o recurso ínfimo ao alugueiro (IGE. Enquisa estrutural dos fogares 2002-2022) e aínda máis, cerca do 90% das rendas inmobiliarias, a maioría concentradas no 5% máis rico e crecentemente turísticas (Facenda. Estadística de los declarantes de IRPF de los mayores municipios por código postal 2021).

Isto non significa que a hexemonía deste último sector, baseada na promesa de que canto menos a metade ou algo máis da sociedade pode chegar a esa posición, estea completamente roto. Os sectores máis novos que forman familias seguen contratando hipotecas (análise propia a partir de micro-datos de INE. Encuesta de presupuestos familiares, 2008, 2026, 2022), sumándose ao pánico moral da «okupación», que favorece o endurecemento das condicións do alugueiro; con certeza, esa poboación nova conta entre as súas fileiras con graduados superiores (opositores, investigadores, técnicos…) precarios con vontade de integrarse nas elites profesionais. Ao mesmo tempo, este segmento aspiracional en proceso de proletarización carece de recursos para escapar da defensa dos servizos públicos, o que o fai ansiosamente dependente do Estado, que a nivel autonómico comeza a levar a cabo tímidas políticas que favorecen os sectores asentados: reducións impositivas, impulso das universidades privadas… O obxectivo político consiste en quebrar unha posíbel alianza, en romper o solapamento de intereses, até agora parcialmente real e parcialmente imaxinado – embora cada vez máis imaxinado -, entre estes segmentos altos e aqueles que xa non poden pretender chegar a ser como eles. Sobre a imposibilidade do cumprimento das promesas de mobilidade social, mais con base en intereses materiais contrapostos, asentar as bases dun proxecto colectivo que supoña unha alternativa á reconstitución cada vez máis reaccionaria e limitada da sociedade de clases medias.

Fronte á alianza en descomposición dos sectores asentados e os aspiracionais, o fracaso deste proxecto social e a converxencia crecente entre os sectores proletarizados e en proceso de proletarización supon a posibilidade dun bloque social alternativo. A experiencia, aínda que sexa inconsciente, deste dilema político de construción dun novo suxeito motiva en todo o Estado Español proxectos de tipo diverso (sindicalismo social, sindicatos de vivenda, escisións leninistas de partidos e xuventudes de esquerda…), pero sitúa a Galiza como un dos países onde existen menos propostas nese sentido. En parte pola súa situación canto menos semiperiférica respecto dos centros do sistema socio-económico español, que son fundamentalmente as dúas grandes metrópoles, coa posíbel excepción das dúas maiores cidades do noso país. No entanto, o reto está aí e foi acometido noutros momentos xeográficos e históricos con relativo éxito, e non en condicións de menor heteroxeneidade social. Canto peor non significa necesariamente mellor, e trátase de ter o camiño polo menos sinalado para cando teña que ser percorrido. A solución é colectiva e non individual; o compromiso e a colaboración vencen á frustración e á ansiedade.

Caseteira

20€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF todos os números.
  • Lâmina original seriada.
  • 20% desconto no Anuário de Produção Crítica.
  • 10% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.

Caseteira

60€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • 30% desconto nos livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).

Caseteira

100€

  • Revista impressa Clara Corbelhe + PDF números anteriores.
  • Lâmina original seriada.
  • Saco Clara Corbelhe.
  • Anuário de Produção Crítica.
  • Livros em parceria com a Edicións Laiovento.
  • Convite para a Jornada de Estudo (inclui jantar).
  • Outras atividades de formação.

Caseteira

300€

Institucional

Colocamos ao dispor de outras entidades, públicas e privadas, uma colaboração de publicidade institucional e formação nas áreas de ciências sociais e humanidades.